Tantra (0)
Posted 14 Xuño, 2009 in Budismo
Fun a unha conferencia que deu Kelsang Sangden sobre o Tantra no Centro Budista Kadampa Vajradharma, en Monterrey. Fixo demasiado calor e asistíu bastante xente, pero ainda así, a charla foi moi interesante. As prácticas tántricas impactan a calquera, xa que son moi profundas e interesantes. Supostamente pra poder practica-lo Tantra, é necesaria unha iniciación previa, que este ano ofrecerá o Venerable Gueshe Kelsang Gyatso no Festival de Verán en Inglaterra. Pola miña parte, leín o libro “Mahamudra del tantra”, donde se explica con bastante claridade qué é o Tantra e a relación deste co Sutra. Sangden comentou que os que non poidan ir a Inglaterra ao Festival de Verán, poderán iniciarse na práctica de Buda Heruka en Setembro, no centro de Monterrey.
…
…
Levo asistindo un ano aproximadamente as clases de budismo kadampa en Monterrey, e realmente son sorprendentes, pola perspectiva e enfoque que fan da vida mesma. Algunhas cousas non son sinxelas de comprender, pero con algo de voluntade e esforzo, podemos chegar a comprendelas. A meditación sempre é interesante, pero o millor e que funciona. E o digo por experiencia propia. Ben, de momento non vou falar mais destes temas. Nun futuro, irei añadindo cousas sobre budismo neste blog, pero por hoxe, xa foi suficiente.
Deica logo.
Parque Ecolóxico Chipinque (Día 3) (0)
Posted 14 Xuño, 2009 in Montaña
Levantámonos cedo e almorzamos. Nótase o cansancio dos días anteriores. Falamos cun gardabosques que nos dixo cómo chegar ata o Copete, indicándonos o que tiñamos que facer cando chegaramos aos deslaves de pedra. Collemos as botellas de auga, o equipo de rapel e comenzamos a camiñar, subindo amodo ata o primeiro dos deslaves. A paisaxe é fermosa. A medida que avanzamos tanto as panorámicas da cidade coma dos montes aledaños voltanse increíbles. O pico, cada vez está mais preto.
…
…
Chegamos a o primeiro deslave e seguimos as instruccións do gardabosques. Subimos uns vinte metros e voltamos a dereita. Ahí estaba o camiño de novo, casi invisible, medio oculto polas herbas. Camiñamos uns metros e atopámonos de novo cun segundo deslave. Dende a nosa posición pódese ver o camiño de novo, uns dez metros mais abaixo de donde nos atopamos. Seguimos a ruta e chegamos a un terceiro deslave de pedras. Atravesámolo e comenzamos a ascender de novo. As árbores desaparecen e o sol péganos directamente. Fai unha calor de carallo.
…
…
O ascenso faise cada vez mais duro. Non temos a protección das árbores e o sol cae a plomo. Acábasenos a auga e non paramos de sudar, pero xa queda pouco pra chegar ao pico. Seguimos subindo, cada vez con mais esforzo, ata chegar a o último tramo. Este é de roca pura, asi que temos que facelo con moita precaución, xa que unha caída significaría morte segura.
…
…
O Cerro da Silla, orgullo e símbolo de Monterrey, vese moi pequeno desde donde nos atopamos. As nubes tapan a cidade e a vista é espectacular. Descansamos uns quince minutos, disfrutando da paisaxe e apurando os últimos groliños de auga que nos quedan. Despois comenzamos a escalar o último tramo ata que por fin, chegamos a o noso obxetivo: El Copete de las Águilas.
…
Deica logo
Parque Ecolóxico Chipinque (Día 2) (0)
Posted 17 Maio, 2009 in Montaña
Durmín coma un leirón. A noite estivo fresca e o cansancio do primeiro día foi bastante, así que, díronse as circunstancias xustas pra durmir do tirón. Levantámonos as seis da mañá. Ainda é de noite pero Salvador Montes xa debeu chegar á Meseta, asi que, temos o tempo xusto pra espabilarnos un pouco e almorzar algo. As seis e media chama Salvador dicindo que xa está de camiño rumbo ao Epazote. Xa é de día.
…
…
Iniciamos o ascenso as sete e media por un carreiro que sube todo o monte. Nun principio parece sinxelo facelo, pero a verdade é que non é nada doado subir así. As pernas quéntanse axiña e o esforzo é considerable. Comenzamos a sudar e a facer paradas pra recupera-lo alento cada pouco tempo. Polo momento ainda temos sombras, xa que estamos rodeados de árbores por todos lados, pero temos que beber bastante líquido porque a calor faise notar. Cada pouco tempo vou monitoreando os avances, en canto a altitude se refire, co reloxio Suunto.
…
…
Despois dun bo tempo subindo, o carreiro desaparece. Un deslave de pedras bastante considerable, mandou o camiño ao carallo. Estamos indecisos e sin saber qué facer. Dar volta non é unha opción asi que, decidimos subir polo deslave pra ver si podemos encontrar o camiño de novo ou, rodea-la montaña por outra ruta. A subida é perigosa. As pedras non están asentadas e resbalamos constantemente. Axudámonos con ramallos e herbas que medran por todos lados e temos que enterrar os pes entre as rocas pra poder afianzar cada paso, coma si de neve se tratase.
…
…
Despois dun tempo subindo, chegamos ao final que, en realidade, é o principio do deslave. Atopámonos cunha parede de roca que nos impide seguir subindo. A única opción que nos queda é abrir camiño pra tratar de rodea-la montaña. Non e doado, pero chegamos a un segundo deslave e despois a un terceiro. Eu vou abrindo e tamén me vou rasguñando os brazos. Non é tarefa sinxela iso de ir diante. No terceiro deslave dámonos conta de que é imposible seguir avanzando. A parede comeza a facer unha curva bastante amplia e o monte acábase. A única opción que temos e regresarnos por donde chegamos.
…
…
A baixada resulta mais perigosa que a subida. As pedras que forman o deslave non están afianzadas na terra e resbalamos constantemente. Eu vou diante e sufro duas caídas. Temos que optar por avanzar de un en un, xa que si o último que baixa cae, arrastraría irremediablemente a os dous que van diante. Isto fai a baixada mais tardada, pero moito mais segura. Non perdemo-lo ánimo, e aproveitamos pra tomar vídeo e fotos. No fondo, isto resulta divertido.
…
…
Despois dun tempo baixando, por fin chegamos de novo ao carreiro que nos levará de volta ata o Epazote. Persoalmente estou un pouco decepcioado, xa que, dalgunha forma sempre mantiven a esperanza de poder chegar ata El Copete de las Águilas. Xa rodeados de novo polas árbores e despois de descansar un pouco e deixar os deslaves atrás, comenzamos a descender ata o campamento. Os meus pantalons están desfeitos e vou ter que tiralos. Chegamos cansados e con fame, asi que, xantamos copiosamente e comentamos sobre a aventura.
…
…
Nun principio tiñamos pensado recolle-lo campamento o terceiro día pola mañá, pero pensamos que o millor era facer outro intento pra subir ao Copete. Salvador Montes regresase este mesmo día pra Monterrey e non nos vai acompañar o último día. Eduardo e eu planexamos falar con algún gardabosques pra que nos indique cómo chegar, e facer o último intento. De este modo, recolleremos o campamento o terceiro día (sábado) pola tarde.
O resto da tarde pásamola descansando e experimentando coas cámaras de fotos (Zooms, Macros, etc…). De vez en cando chega ata o campamento algún camiñante co que intercambiamos saúdos e conversacións sobre lugares de Nuevo León, deportes de aventuras, etc… As nove da noite xa estamos deitados. Temos que descansar ben, xa que o seguinte día vai ser decisivo.
…
…
Parque Ecolóxico Chipinque (Día 1) (2)
Posted 7 Maio, 2009 in Montaña
Chegamos á entrada do parque, Eduardo Barajas e eu, as once da mañá. Din o meu nome, paguei as cuotas de acceso, subida ao cume e acampada e comenzamos a ascender ata La Meseta. Por suposto, todo o traxecto é costa arriba. Eu levo na mochila uns 25 ou 30 kg de peso: tenda de campaña, comida, saco de durmir, 6 lt de auga, colchoneta e demais pertrechos necesarios pra ter certa comodidade no campamento que temos que montar. Durante o ascenso, cruzámonos con xente que vai facer camiñatas, MTB ou simplemente pasear. Fai calor, ainda que, polo momento, é soportable. O ascenso é duro e non tardamos en sudar coma porcos.
…
…
…
Durante o traxecto, imos tomando fotografías do lugar e algún que outro vídeo. Facemos paradas pra recobra-lo alento e hidratarnos. O meu compañeiro sabe ben como chegar a La Meseta, xa que é asiduo do parque, según dí. El vai abrindo camiño e eu sigo detrás disfrutando da paisaxe. Avanzamos amodo, sen presas, sabendo que levamos carga pesada e que non hai presa por chegar. Despois dun bo tempo ascendendo, chegamos a un lugar chamado Paraje Canoas. Alí hay un bebedeiro que aproveitamos pra encher de novo as botellas de auga e refrescarnos. Facemos un alto pra descansar e media hora despois comenzamos a subir de novo. A seguinte parada será La Meseta, donde nos reportaremos cun gardabosques e donde aproveitaremos pra xantar.
…
…
Estando en La Meseta, filmamos en vídeo a un esquío e a uns paxaros azuis de peito gris (despois enteiraríame de que lles chaman Charas de peito gris, precisamente). Buscamos un lugar donde descansar e poder xantar algo. Non hay moita xente nos arredores, asi que, non é moi complicado encontrar unha mesa libre na que sentarnos. Despois, buscamos ao gardabosques, presentámonos e él, indícanos como chegar ata o lugar que nos asignaron pra monta-lo campamento. Levamos connosco un mapa bastante precario, pero ahi están os camiños mais importantes do parque, asi que vainos servir de axuda. O camiño a seguir leva o nome de “Tubo enterrado” e, ainda que é moi estreito, lévanos directamente ata La Mesa del Epazote, que é donde temos que monta-la tenda.
…
…
Estamos xa a 1.400 metros de altitude. Ainda non é de noite, asi que damos unha volta polo lugar pra familiarizarnos co sitio, montamo-la tenda e ceamos algo. Estamos cansados, xa que neste primeiro día subimos un desnivel de casi 1.000 metros e non sei cantos kilómetros de camiño. Deitámonos cedo, xa que ao día seguinte temos que intentar chegar ata El Copete de las Águilas, o pico mais alto dos que rodean a área metropolitana de Monterrey. A hora de levantarse está prevista para as seis da mañá.
…
Parque ecolóxico Chipinque (0)
Posted 4 Maio, 2009 in Montaña
En todo o tempo que levo vivindo en Monterrey, nunca fun visitar o Parque Ecolóxico Chipinque, quizáis por desidia ou porque, nun principio, carecía de todo interese que me motivara a facelo. Grave erro pola miña parte. A entrada do parque está situada no concello de San Pedro, preto da cidade. Sorprendeume bastante o ben cuidado que está, asi como a diversidade de especies animais e vexetais que alí coexisten, formando un ecosistema envexable e único. A idea de visitar Chipinque surxe polas ganas de facer algo de montaña sin ter que viaxar. Por este motivo, e aproveitando un fin de semana longo debido ao primeiro de maio que caíu en venres e que o xoves 30 non traballo, solicitei os permisos necesarios pra acampar no parque e pra subir ao cume, xa que a miña idea consiste en chegar ata o pico mais alto das montañas que rodean Monterrey, El Copete de las Águilas, de 2.200 msnm.
O plan desta aventura consiste en camiñar, o primeiro día, con todo o equipo desde a entrada do parque ata unha zona chamada La Meseta, donde teño que avisar a un gardabosques da miña chegada. Despois esta persoa ten que indicarme o comezo da brecha que me levará ata outro sitio que leva o nome de La Mesa del Epazote, lugar donde me autorizaron a monta-lo campamento. O segundo día, intentarei subir ata El Copete de las Águilas para posteriormente baixar e pasar a última noite no Epazote. O terceiro día, recollerei o campamento e voltarei á cidade. En total, estarei no parque tres días e pasarei duas noites, chegando o xoves 30 de abril e saíndo o sábado 2 de maio. Nesta aventura, acompáñarame Eduardo Barajas, quen tamén acampará conmigo, e o venres chegará pra intentar subir ao cume Salvador Montes de Oca. Penso que, o mellor e que, coma sempre, conte toda a aventura en sucesivos artigos asi que, estade atentos a este blog durante os próximos días. Con respecto ás fotos, tardarei un pouco en subilas, xa que teño que facer unha selección de entre mais de seiscentas, asi que, un pouquiño de paciencia.
Deica logo.
Berrendo Trail 1215 (0)
Posted 25 Abril, 2009 in Equipamento, Montaña
Hoxe pola mañá fun a Cosesa. Cosesa é unha empresa na que traballo xeralmente os sábados. Levo con eles uns cinco anos e adícanse a comercializar productos de seguridade industrial. Alí o meu traballo consiste en manter todo-los sistemas traballando, ben sexan cousas de software, hardware ou redes. O asunto é que un bo día, ollando na internet equipo de montaña, cheguei a páxina da empresa Berrendo. Esta empresa é mexicana e fabrica zapatos e botas pra o ramo da seguridade industrial, pero tamén en menos medida fan calzado para as actividades deportivas ao aire libre, coma trekking, hikking e montaña. Vin unhas botas que me gustaron moito e chamei ao meu amigo Juan Manuel, de Cosesa pra ver si eles podían conseguilas. Dínlle o modelo e o número e ao día seguinte chamoume pra darme prezo. Dinlle a autorización e dous días mais trade xa estaban as botas nas oficinas de Cosesa.

Por fin, hoxe fun traballar e de paso recollín as botas, pero o mellor de todo é que me diron prezo de costo e a oportunidade de pagalas en tres prazos. Definitivamente esta xente pórtase moi ben comigo, ainda que creo que eu tamén son recíproco. O caso é que estou bastante contento coa compra, xa que as botas son impermeables e térmicas. Usan suela Vibram e o seu prezo de mercado non baixa de $2000 pesos mexicanos (Uns cento e pico de euros). A min saíronme en $1335 pesos, asi que, o aforro é considerable e coa facilidade de pago, pois negocio redondo. Agora xa podo meterme na neve e na lama, que de seguro seguirei cos pes sequiños.
Polo demáis, Berrendo está a patrocinar a expedición Himalaya 2009 Mex, na que participan os mexicanos Laura González e Yuri Contreras. Mais información aquí.
Deica logo
Suunto Vector (2)
Posted 10 Abril, 2009 in Equipamento
Mirando por ahí, atopei varios reloxios de esos que teñen altímetro, barómetro, etc…
Os Casio pintan bastante ben, pero en varios foros nos que entrei, a xente recomenda os Suunto. Atopei un modelo que me gustou en Mercadolibre.com.mx. O modelo está bastante barato en comparación con outros anuncios que ofrecen o mesmo reloxio. Xa comentei nun post anterior que me gustaría ter un reloxio deste tipo. Isto é útil tanto no trekking coma na bicicleta, xa que permite obter datos de altitude relativa e altitude absoluta, anticiparse a unha choiva, tendo en conta as lecturas da presión atmosférica e anticiparse ó mal de montaña se nos atopásemos no caso se subir a unha. O reloxio, segundo o vendedor, é novo, ainda que polo precio, a min dame a sensación de que é “quente”. Ou iso, ou ten a intención de ganar pouco e vender moito, que tamén pode ser. Se non chego a un acordo co nacho, outra opción que teño e ir a unha tenda vertimania e compralo a prezo de mercado. A ver cómo saen as cousas. Mentras tanto, deixo unha imaxe do reloxio, a ver qué vos parece.
…

…
Deica logo.
Mina e Hidalgo (Nuevo León) (0)
Posted 9 Abril, 2009 in Hiking
Seguín camiñando e disfrutando da paisaxe árida. As paradas pra descansar son cada pouco tempo. Teño que beber auga pra non deshidratarme e non hay nenguha sombra donde “refrescarme un pouco”. Sinto a tentación de molla-la cabeza, pero tamén sei que non debo facelo. Cada vez, a mochila pesa mais.
…
…
O camiño ten algunhas subidas, pero poucas baixadas. ¡Cómo me gustaría ter un reloxio desos que che din a altitude, presión atmosférica e toda a cousa!. Non vexo vívoras de cascabel. Coa calor que fai morrerían, asi que de seguro han de estar nas suas covas, á sombriña. O que si vin foi un par de lagartos e un correcamiños. Os zopilotes nin merece que os poña xa que esas aves de rapiña están por todo-los lados, incluso na cidade. Chámame a atención un lugar que atopo de repente preto da estrada. Parece un comedeiro de coyotes. Hay un cráneo de cabalo, pelo e un can comido. Este último non debe levar moito tempo morto, xa que non cheira nin ten vermes. Supoño que o pelo ha de ser del.
…
…
…
Manteño o meu rumbo en dirección leste. Non debe de faltar moito pra chegar a cabeceira do concello, xa que no horizonte podo ver alguns coches que circulan en dirección Norte-Sur e viceversa. Esa debe se-la estrada Monterrey-Monclova. Calculo que me faltan uns catro ou cinco kilómetros pra chegar a Mina e de ahí uns dez ou once ata Hidalgo. Non e moi tarde, asi que tomo as últimas fotos do deserto, gardo as cámaras e enfilo o camiño a paso rápido.
…
…
…
Paso por Mina un pouco antes das duas da tarde. Non tomo fotos, xa que non quero perder tempo e, ademais, vou seguindo unha estrada con tráfico. Por outro lado, o pobo non ten moito que ver, e o pouco que ten, obrigaríame a internarme nel, asi que sigo sin determe. Nun par de horas (as catro da tarde) chego a praza principal do pobo de Hidalgo. Estou empapado en sudor. A un lado da praza está a estación de autobuses, a catro kilómetros está Potrero Chico. Se fose mais noite, posiblemente seguiría ate o potrero coa seria intención de acampar, pero como ainda é cedo, compro unha limonada fresquiña e un billete de autobús pra Monterrey, que sae media hora despois.
…
…
…
Pois así fica esta aventura. Collín o autobus e unha hora e media despois estaba na casa. Foi entonces cando me din conta dos estragos do sol, da necesidade de usar protector solar e do que me doían as pernas. Non teño nada en mente pra a seguinte aventura. En Mina, ainda me queda por ver un lugar, tamén no deserto, donde hay uns petroglifos supostamente feitos polos indíxenas que habitaban estas terras fai centos de anos, pero xa veremos cando me decido a ir de novo por esos rumbos.
Deica logo.
La Hacienda del Muerto (0)
Posted 9 Abril, 2009 in Hiking
A “Hacienda de San Antonio de Arista”, hoxe coñecida como “Hacienda del Muerto” está situada na metade do deserto de Mina. Queda en pe o que un día foi a igrexa, xa que do resto das construccións so se manteñen as paredes. Cheguei a este lugar a iso das dez e media da mañá ou quizáis as once menos cuarto. Nos arredores non hay nada mais que terra, calor e algunhas prantas desérticas. Nembargantes encontrei xente. Uns sacaban fotografías do lugar mentras que outros traballaban na reconstrucción do sitio, xa que existe un proxecto de restauración financiado polo Estado de Nuevo León.
…
…
…
E un pouco complicado encontrar a historia desde lugar tanto en internet coma fora de internet. Existe un libro editado pola Universidade Autónoma de Nuevo León (U.A.N.L), pero parece ser que está descatalogado. Ainda así, e a groso modo, direi que a facenda foi próspera no século dezanove, chegando a sembrar fabas e outras leguminosas no árido lugar e dándo traballo a bastante xente. Coa chegada da revolución, por desgracia, “La Hacienda” encontrou un tráxico final. Existen varias historias ou lendas que falan, por exemplo, de que ao propietario da facenda o asasinaron nos anos revolucionarios. Supostamente o aforcaron ahí mesmo, permanecendo o corpo do nacho tanto tempo colgado que a sua cabeza, ó final, desprendeuse do corpo. Tamén contan que no Concello de García existía un Mosteiro donde un cura e unha monxa mantiñan relacións sexuais. Cando os superiores se diron conta, mandáronos coma nunha especie de desterro a “La Hacienda”, donde cos anos, a monxa voltouse tola e asasinou ó cura, suicidándose de desesperación tempo despois. Debido a isto, hoxe vai moita xente ao lugar a investigar, xa que contan que a pantasma da monxa deambula polas noites, quizáis buscando o espírito do seu namorado. Outra das lendas di que un reximento de revolucionarios completo morreu no lugar nunha soa noite. Contan que a morte se produxo por unha epidemia que xa traían, mais outras línguas afirman que en realidade, morreron acribillados. O certo e que o lugar é extrano e desperta a curiosidade do visitante.
…
…
Deixei as ruinas de “La Hacienda del Muerto” a iso das once e media e comencei a camiñar ata a cabeceira do concello. A mochila pesa bastante agora e non tardo en sudar coma un porco (e un decir porque non sei se os porcos sudan
). Ainda me quedan bastantes kilómetros por percorrer, moitas fotos que tomar e moitos groliños de auga que beber. O sol queima, e o mercurio do meu termómetro de campaña, marca cuarenta e seis grados.
…
…
…
Ata a próxima
Inicio da viaxe (0)
Posted 2 Abril, 2009 in Hiking
Saín as oito da mañá do pobo de Icamole (Concello de García). Este é un pobo pequeno, de apenas 180 habitantes, ainda que ten unha boa historia da época da revolución mexicana que quizáis conte algún día. Levaba comigo unha mochila con todo o necesario pra acampar se así se precisase, auga, a cámara de fotos e a bota de viño, coma bo galego. O sol brilaba desde cedo e facía un pouco de vento. A idea era chegar ata “La Hacienda del Muerto”, unha construcción anterior a revolución que hoxe está en ruinas. Este lugar encóntrase na metade do deserto de Mina; un lugar árido e duro, donde o sol vóltase implacable con aquel que o pretende atravesar. Si, e duro, mais non imposible
Os primeiros kilómetros transcurriron pausados. Pasei polo cemiterio de Icamole e cheguei a un río. As veces sorpréndome de encontrar paisaxes verdes no deserto. O concepto de que é case imposible atopar auga no deserto parece esvaecerse cando podes ver o vital líquido en cantidade no medio da terra árida, e xunto a esta, prantas verdes; pero o certo e que a realidade é distinta. Ousexa, realmente é difícil atopar auga no deserto.
…
…
Parei a tomar unhas fotos e un groliño de auga e seguín avanzando. O camiño polo que vou é de terra pero uns kilómetros mais adiante vóltase asfalto, cuestión esta que non me gusta nadiña, xa que acabas por queima-los pes e pódenche saír ámpulas. Rezo pra que a estrada se convirta de novo nun camiño de terra, pero non teño sorte, asi que, sigo adiante, disfrutando da paisaxe, tomando fotos aquí e alá e hidratándome tanto como podo. O sol non parece quentar moito, pero o certo e que so é unha impresión, xa que o vento continúa soplando, minimizando a sensación térmica real. De vez en cando consulto o mapa que levo comigo, xa que o primeiro descanso en condicións será en “La Hacienda del Muerto”, unhas ruínas na metade da nada cheas de historia, lendas e misterio. Xa casi chego, pero antes, outro groliño de auga
…
…
« Previous
BUSCAR
NAVEGAR
PAXINAS
- Budismo (1)
- Cicloturismo (14)
- Equipamento (3)
- Hiking (4)
- Literatura (1)
- Montaña (6)
- Paracaidismo (1)
- Xeral (6)
- Xuño de 2009 (2)
- Maio de 2009 (3)
- Abril de 2009 (5)
- Marzo de 2009 (8)
- Febreiro de 2009 (11)
- Xaneiro de 2009 (5)
- Bicicletos
- Carlos Pauner
- Carlos Soria
- Daniel Martin
- Dominic Gill
- Edurne Pasabán
- Isidro Juvé
- Juan M. Rodríguez
- Juanito Oiarzábal
- Pérez de Tudela
- Rodadas
- Sociedade Xeográfica Española